quen somos

A Asociación Neria é unha asociación, constituída o 9 de maio de 1992, por iniciativa dun grupo de alcaldes da Costa da Morte, que viron a necesidade de unir esforzos para loitar polo desenvolvemento integral da zona.

Ten como actividade principal o desenvolvemento socioeconómico do territorio que abrangue, loitando polo benestar social dos seus habitantes e pola mellora da súa calidade de vida. Para iso, encárgase de difundir información, formar e concienciar a todos os habitantes, e en especial a xuventude, para que poidan labrar un futuro aquí na nosa terra e non ter que recorrer á emigración.

A Asociación Neria é unha entidade con ampla experiencia no campo do desenvolvemento rural, dado que este é o seu principal obxecto social: promover e coordinar o desenvolvemento rural, mellorar as condicións de vida e contribuír a frear a despoboación do territorio rural. Neste sentido a Asociación Neria foi desenvolvendo cada vez máis actuacións e abranguendo máis áreas temáticas.

O territorio de actuación da Asociación Neria, que comprende 17 municipios, conta con infinidade de recursos que é preciso potenciar para favorecer o seu desenvolvemento. Isto fai necesario seguir fomentando a creación de emprego, tanto por conta propia como por conta allea, e a iniciativa empresarial.

Neste sentido a Asociación Neria veu realizando durante todos estes anos o seu labor como motor de iniciativas culturais, sociais, turísticas e económicas, ao longo de toda a xeografía, e contribuíu de modo vital ao desenvolvemento da comarca e ao progreso da súa sociedade. Desenvolveu importantes iniciativas, revitalizadoras propostas e beneficiou o conxunto dos habitantes —dunha ou outra forma— cunha vocación de servizo social tal e como foi pensada nas súas orixes.

costa da morte

O topónimo Costa da Morte vén da antiga crenza de que Fisterra era a fin da terra e o punto a partir do cal xa non existía navegación cara ao Oeste. Abrangue dende Cabo Fisterra ata Malpica.

Segundo a tradición dos antigos gregos e dos celtas, era ademais a rexión onde o sol desaparece a diario, conducindo a barca de Caronte, cargada coas almas que Hermes (San Roque) recollía en pequenos templos (ermidas) ao país dos mortos que o Deus-Sol é capaz de atravesar para aparecer nun novo día.

A Costa da Morte esténdese no noroeste peninsular, comprendendo os municipios de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas. É unha terra de lendas acerca de cidades sepultadas, de curandeiros que obran milagres, de supersticións e grandes devocións.

É un territorio salpicado de igrexas románicas, pazos, castelos e monumentos megalíticos rodeados dunha natureza xenerosa. É o confín de Europa, onde o mar golpea unha paisaxe de acantilados abruptos, illotes e penedos inmensos que serven de protección natural a unha terra desexada pola súa riqueza e saqueada, ao longo dos séculos, por viquingos, piratas, escuadras inglesas e francesas... escenario de naufraxios e afundimentos, nunha terra que, sobre todo, é símbolo de vida.

Unha terra poboada dende a antigüidade por xente esforzada e xenerosa que soubo extraer o mellor que unha natureza esixente lle daba e desenvolveu unha cultura, en torno a ela, que lle fai vivir con intensidade un tempo que se debulla lentamente.

localización

© Copyright 2012    Asociación Neria Costa da Morte    [ contacto ] [ aviso legal ] [ política de privacidade ]

Cabana de Bergantiños • Camariñas • Carnota • Cee • Corcubión • Coristanco • Dumbría • Fisterra • Laxe • Malpica de Bergantiños • Mazaricos • Muros • Muxía • Ponteceso • Vimianzo • Zas